
O suplemento cultural do Faro de Vigo, dirixido por Xosé Ramón Pena, elaborou un especial sobre Ramón Piñeiro no que aparecen dous artigos meus, recollidos tamén no suplemento Saberes do diario da Coruña La Opinión. Reproduzo o pequeno, que leva por título uns versos de Luís Pimentel.
O mar, o ceo, foron vencidos
por esta humilde e silenciosa chuvia.Luís Pimentel
A estratexia do galeguismo liderada por Ramón Piñeiro levouse a cabo sobre un enorme feixe de pequenas cousas que de seu teñen unha relevancia limitada: unha conversa, a edición dun libro, unha conferencia, unha tertulia nun café, unha carta… Pero vistas baixo o prisma da estratexia adquiren unha dimensión que as eleva e as converte en accións transcendentais nun camiño como foi o da construción política de Galicia, todas xuntas formaron esa “humilde e silenciosa chuvia”.
O esforzo e a intelixencia dos homes de Galaxia conseguiu que os valores e ideais do galeguismo pasaran de estar defendidos por unha minoría para se converter no sentir da maioría social, e que cristalizaran construíndo o marco de xogo da política en Galicia. Conquista pola que hai que preocuparse para seguir manténdoa viva e real.
Cumpriuse polo tanto a aspiración primixenia do movemento galeguista, o recoñecemento político da nosa realidade, o primeiro obxectivo de calquera pobo, nación, país…
Pero isto non supón a fin do camiño, queda agora por diante un segundo obxectivo, o de empezar a contar no noso ámbito de relación como país. Esta segunda tarefa, a teima dos nosos días, consiste en facer que Galicia participe e inflúa no seu ámbito propio de relación, que sexa esa activa célula de universalidade que reclamaron os nosos devanceiros.
Posiblemente isto que digo supere as expectativas de moitos, e incluso algúns non cheguen a entendelo. Pero non hai presa, será como sempre, a chuvia fina irá caendo e un día chegará en que estas ideas se converterán nos ideais que constrúan unha nova realidade.
Xosé Ramón Rodríguez Polo
Profesor de Comunicación na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, autor de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (Xerais, 2009) e O triunfo do galeguismo (Dykinson, 2009).
O suplemento Faro da Cultura está dispoñible aquí.