Ven de publicar o xornal Galicia Hoxe un texto meu no seu especial da Revista das Letras sobre Ramón Piñeiro.
A actualidade de Ramón Piñeiro
Algunhas das miñas reflexións poden resultar duras, pero están feitas desde o compromiso e o afecto. Non está na miña intención que ninguén se ofenda, só desexo que se lean sen prexuizos, co mesmo respeto e libertade coa que eu as teño escrito.

Cando en 1963 un grupo de académicos galeguistas propuxo ó pleno da Real Academia Galega a celebración do Día das Letras, o galeguismo estaba inmerso nunha batalla pola construcción do futuro de Galicia e na súa proposta vían unha posibilidade máis de chegar á xente, de influír na opinión pública e promover o sentimento e o compromiso con Galicia. A primeira homenaxeada foi Rosalía Castro a gran poetisa do pobo, e ó ano seguinte, a pesares da prohibición que índa pesaba sobre el, adicouse á Daniel Castelao o máximo expoñente político do galeguismo co que se viña a evidenciar a vontade política latente naquelas actividades.
Neste ano a Real Academia Galega presidida por Xosé Ramón Barreiro convócanos arredor da figura de Ramón Piñeiro. Hoxe coma entón a elección do homenaxeado resulta paradigmática, precisamente nun momento en que o consenso social arredor da identidade parece quebrado.
Piñeiro representa o cambio de rumbo do movemento galeguista, “a nova orientación” como el mesmo lle chamou, que o levou á súa expansión social e ó seu éxito político.
Os galeguistas, nos anos cincuenta, se plantexaron construír o país de maneira integradora sobre os valores e ideais que defendían e por iso basearon a súa estratexia no nexo común de tódolos galegos, a cultura, para que a sociedade puidese asumir plenamente a súa identidade ó marxe de calquera presuposto político e ideolóxico. Conscientes, polas súas fondas conviccións democráticas, de que a conciencia galega debía de se manifestar de maneira libre, de acordo á pluralidade da mesma sociedade.
Como ben o expresou o mesmo Ramón Piñeiro xa en 1976:
… transformar o galeguismo na conciencia xenérica de Galicia e lograr así que a sociedade galega cree ela mesma as correntes políticas que dominan en Europa, que dominarán en España e que, inevitablemente, dominarán tamén na propia Galicia. O verdadeiramente importante non é que en Galicia haxa un partido galeguista; pola contra, o que importa é que, en lugar dun partido galeguista teñamos unha Galicia galeguista (…) E neso estamos. Esa foi a nosa longa e dura batalla de que lle falaba.
E continuaba:
E esa foi a nosa longa e dura batalla política: preparar unha conciencia galeguista capaz de actuar con eficacia política no futuro. No pasado, o galeguismo era un partido entre tódolos que actuaban en Galicia; no futuro, será un imperativo de tódolos partidos galegos. A maioría de idade política de Galicia consiste mesmamente en que deixe de existir un partido galeguista para que sexan galeguistas tódolos partidos.
E así foi, como explico e analizo nos meus libros, que conseguiron que os valores e ideais do galeguismo deixaran de ser defendidos por unha minoría para se converter no sentir da maioría social. E sobre esa conciencia social lograron que os principais partidos políticos construíran un acordo arredor da afirmación da nosa identidade e que as novas institucións autonómicas se fundaran sobre o compromiso con estes valores.
E para defender o seu proxecto e evitar a politización do galeguismo chegaron eles mesmos a participar nos diferentes partidos estatais nas primeiras eleccións galegas de 1981, ratificando co seu exemplo persoal que ningún partido político ostentaría a exclusividade do movemento. Co cal o patrimonio do galeguismo, a loita pola defensa da identidade e do recoñecemento político de Galicia, así como os sinais da nosa identidade pasaron a ser propiedade de toda a sociedade, e a atoparse fóra do debate político.
Todo esto deixou ós partidos nacionalistas sen o marchamo galeguista que moitos deles entendían que lles correspondía, e os levou a non aceitar o labor do galeguismo e a negar á figura de Ramón Piñeiro. Quizáis nesta actitude radique a actual quebra do consenso que os galeguistas alcanzaron nos anos da transición autonómica.
Hoxe froito do uso político da identidade e da ruptura do acordo político sobre o tema por parte dun goberno que se adxudicou a propiedade dalgo que non lles correspondía, a lingua tense convertido nun elemento de debate político e, desgraciadamente, social. Abríndose unha fenda que as recentes eleccións autonómicas viron a poñer de manifesto.
Estes días a Real Academia publicaba un comunicado do seu pleno dirixido ós partidos políticos e moi especialmente ó novo goberno, pero no meu entender chega tarde. Con todo o respeto e aprecio á institución e ás persoas que a forman, onde estaba o pleno cando se rachou o acordo político e o goberno actuou unilateralmente? Entón apenas alzouse a voz de Xosé Ramón Barreiro, que nos recordaba:
Que superemos sempre as discordias entre nós, que os que apostemos pola cultura galega saibamos que non estamos apostando por ningunha fórmula ideolóxica ou política; que defender o galego non é defender as teses de ningún partido; que defender a cultura galega é defender aquilo que constitúe a argamasa que nos une. (La Voz de Galicia, 16/5/2008).
Pero o mal xa está feito, e a irresponsabilidade do anterior goberno levounos a desandar parte do camiño andado polos galeguistas liderados por Ramón Piñeiro. Compre agora tornar sobre as súas pegadas e volver a recuperar á sociedade, gañar á opinión pública e restaurar o consenso, logo xa terá sentido recobrar o acordo político.
Galicia, a nosa identidade, é de todos nós, de tódolos galegos e non pertence a ningun partido. Esto foi o que conseguiu o galeguismo e esto é precisamente sobre o que neste Día das Letras temos que reflexionar. Por eso Ramón Piñeiro atópase hoxe, desgraciadamente, en plena vixencia
Xosé Ramón Rodríguez Polo
Profesor de Comunicación na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, e autor de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (Xerais, 2009) e O triunfo do galeguismo (Dykinson, 2009).
O especial pódese ler eiquí